Wednesday 22 de May de 2024

O Concello desbloquea o selado do vertedoiro de Nostián, que asumirá a concesionaria


Concello e Xunta asinan hoxe o convenio que permitirá establecer un protocolo permanente para a captura de xabarís con medios autonómicos no termo municipal coruñés

O voceiro do Goberno municipal e concelleiro de Economía e Planificación Urbana, José Manuel Lage, reuniuse esta mañá en Santiago coa vicepresidenta segunda da Xunta e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez. Trátase do segundo encontro tralo mantido en setembro para abordar distintas problemáticas e compromisos de ambas as dúas administracións, dentro do termo municipal da Coruña.

Lage trasladoulle á conselleira que un dos compromisos adquiridos polo Concello está xa en trámite de cumprimento. Trátase do selado pendente do vertedoiro de Nostián. O voceiro do Goberno de Inés Rey explicou que finalmente o executivo local chegou a un acordo coa concesionaria da planta, e que esta asumiu os necesarios traballos para selar adecuadamente dita superficie, traballos que acometerá proximamente con recursos propios. “Hai un mes asumimos o compromiso de resolver este asunto e hoxe a solución xa está en marcha, froito unha vez máis do diálogo entre administracións e da boa disposición ao entendemento que amosa este Goberno”, indicou Lage.

Ademais, os dous representantes de ambas as administracións asinaron hoxe tamén o convenio para poñer fin á presenza de xabarís no termo municipal coruñés. Trátase dun documento que non permite só unha solución conxuntural á situación actual, senón que establece un protocolo de actuacións a futuro en caso de que se dean novas aparicións de dita especie no ámbito urbano. “Pediamos que a Xunta se fixese cargo deste problema ao entrar dentro do ámbito das súas competencias e así será finalmente, coa total colaboración do Concello en todo o que sexa preciso para localizar e facilitar a captura dos animais”, indicou Lage.

O acordo supón que será a Xunta a que instale as gaiolas e se faga cargo do seu seguimento ata a captura dos animais salvaxes. A súa eliminación posterior correrá a cargo do consistorio. “Coido que chegamos a un bo acordo porque non só permitirá solucionar no curto prazo a situación que temos, senón que evitará que no futuro se volvan dar situacións semellantes”, indicou Lage Tuñas.